Moito se ten falado dos aspectos medioambientalmente negativos que o proxecto ALTRI vai traer para a comarca da Ulloa, a Ría de Arousa e por extensión ao resto de Galiza polo incremento do monocultivo do eucalipto. Nada imos engadir neste breve documento sobre estás críticas, xa que están atinadas e non é a nosa pretensión incidir nestes aspectos de carácter “local”.
O que si queremos e facer unha reflexión que vai mais aló das comarcas directamente afectadas e incluso de Galiza. A reflexión ten que ver coa situación xeral dos recursos do planeta e da situación medioambiental na que nos atopamos por causa de actividades industriais similares á do proxecto de Altri.
É mais que evidente que a globalización mundial está véndose freado por falta de recursos enerxéticos e mineiros. Boa proba do que dicimos son distintos informes que así o confirman como os da AIE (Axencia Internacional da Enerxía) e tamén a tensión mundial que se vive no eido da xeopolítica onde a ameaza dunha gran guerra mundial –mesmo nuclear- forma parte da retórica das clases políticas mundiais. A tensión na Asia, o xenocidio de Gaza, a guerra de Ucraína teñen, entre outros, un transfundo de guerra polo acaparamento e control dos últimos recursos.
No eido medioambiental chega con dicir que dos 9 puntos de non retorno marcados pola comunidade científica que estabelece que unha vez superados van provocar o desbaraxuste total do clima a nivel mundial a día de hoxe xa sabemos que se superaron 6.
A está situación global non é allea o territorio e a sociedade galega e polo tanto o lóxico parece que se debería tomar medidas no local para salvar o global e así non seguir camiñando cara o precipicio ao que nos queren levar as elites políticas e económicas mundiais. A lóxica de cambiar de dirección cando se están facendo as cousas mal é o mais intelixente, mais a lóxica parece que non é algo que estea detrás do apoio que esta a recibir o proxecto de ALTRI xa que se afonda no modelo industrial que nos trouxo ate este punto e do cal sabemos que a medio e longo prazo só vai traer contaminación, destrución e graves perigos para o noso futuro e o dos nosos fillos e fillas.
Pretenden convencernos das bondades do proxecto ALTRI dicíndonos que van facer fibra téxtil como se a confección de roupa non estivera xusto non centro dos despropósitos das producións industriais. Existen estimacións que indican que a día de hoxe entre a roupa almacenadas nas casas, tendas, fabricas, centros de distribución, etc. hai roupa confeccionada para mais de 30 anos; sen falar da posibilidade de darlle unha segunda vida con retoques creativos. A industria da roupa é a industria da moda e nos últimos anos a industria da moda converteuse na industria da roupa de usar e tirar. A moda e, polo tanto a industria da roupa, sustentase en usar a publicidade para crear un consumo innecesario manipulando a percepción da realidade das persoas co único obxectivo de fomentar un consumo innecesario baseado me estereotipos de imaxe, que fomentan consumo de roupa. Os medios de comunicación, convértense así, núm. eslavón que se beneficia deste despropósito e polo tanto eles inciden moi negativamente no uso racional dos limitados e finitos recursos do planeta converténdose, na práctica, en estruturas negacionista do cambio climático.
O proxecto ALTRI non debe ir adiante non só por que vai traer aspectos negativos para as comarcas afectada senón por que vai axudar a implatacción do monocultivo do eucalipto o que se vai traducir non só en máis incendios senón e principalmente por que de producirse vai reducir terra para a producción de alimentos, nun momento histórico mundial onde a posibilidade dunha paralización do comercio internacional por motivos de diversa índole como creba de empresas, enerxéticos, xeopolíticos, adversidades climáticas extremas, …é mais que evidente. De suceder esta paralización por poucas semanas a sociedade galega atoparíase nunha situación moi delicada por non dicir dramáticas xa que Galicia é importadora neta de moitos alimentos básicos. Precisamos incrementar a auto-produción de alimentos e para iso precisamos garantir protexer as terras agrícolas.
O proxecto ALTRI non debe ir adiante por que precisa cartos públicos que ao noso entender deben empregarse para axudar a construír unha economía que respecte os limites físicos e medioambientais do territorio e do planeta. Estes cartos deben ser empregados para TRANSICIONAR a unha economía de producción do necesario e dentro dos límites medioambientais e físicos do territorio onde se produza. Non dar pasos neste camiño significa ser un negacionista do cambio climático e dos impactos brutais que esta sufrindo o noso planeta polo modelo de explotación nacido a beira da revolución industrial.
O proxecto ALTRI non debe ir adiante por que se basea nunha mentalidade de empresa de enclave. Isto quere dicir que vai usar o noso territorio para producir uns beneficios empresariais que van quedar alleos á nosa sociedade. Só prometen uns poucos postos de traballo directos e indirectos sema introducir na balanza a destrución da riqueza local e a riqueza do pequeno (comercio, gandaría, marisqueira, turismo, …). A mentalidade obreirista de parte dos sindicatos que defenden o proxecto en base ao argumento da creación de postos de traballo deixa ver claramente a mentalidade capitalista neoliberal na que están instalados estes sindicatos, así como a falta de información das profundas transformacións que se están producindo a nivel mundial no eido dos recursos. Chega con dicir que ás elites europeas xa falan abertamente da recuperación do servizo militar e de camiñar cara unha economía de guerra.

En definitiva o proxecto de ALTRI para Palas de Rei é un proxecto innecesario para a sociedade galega, do estado e mundial que afonda nun modelo de esquilmación dos recursos sen ter en conta as comunidades locais que vai afondar na destrución medioambiental e no cambio climático consumindo recursos enerxéticos que empezan a escasear e por encima precisando dos cartos públicos para a súa implantación. Un despropósito en toda regra.