5 Xuñ 2026, Ven

Nota de prensa: Emerxencia climática e apagóns

Nota de prensa da Rede: Emerxencia climática e apagóns

A Rede para o Decrecemento pide que a Lei de Saúde Pública de Galicia inclúa protocolos vinculantes ante crises enerxéticas

A organización alerta de que o sistema sanitario “non está preparado” para a confluencia de cambio climático, cortes de luz e desabastecemento de combustibles, e lembra o apagón do 28 de abril de 2025, que causou 167 mortes excesivas en España

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026

Rede para o Decrecemento reclamou, no prazo que rematou este 26 de maio de  achegas de suxestións, que a futura Lei de Saúde Pública de Galicia  incorpore protocolos sanitarios vinculantes ante apagamentos eléctricos, eventos extremos e desabastecemento de combustibles, alertando de que a emerxencia climática e a vulnerabilidade enerxética deixaron o sistema sanitario galego “sen preparación para escenarios de escaseza e colapso”.

A organización, que xunto ao científico Antonio Turiel se reuniu cos grupos do PP, BNG e PSOE no Parlamento de Galicia o 28 de maio de 2025, presentou unha achega formal ao anteproxecto da lei na que cita como precedente o apagamento eléctrico do 28 de abril de 2025, que deixou sen luz toda a Península Ibérica durante dez horas e causou, segundo un estudo científico, 167 mortes excesivas en España.


A Rede subliña que a emerxencia climática non é unha ameaza futura, senón unha realidade presente que xa está a incrementar a frecuencia e intensidade de eventos extremos: ondas de calor, incendios de sexta xeración, inundacións e mesmo a ameaza de furacáns en latitudes ata agora libres deles. Estes fenómenos, sinalan, esixen un sistema sanitario preparado para actuar sen subministración eléctrica, sen combustibles e con cadeas de frío e comunicacións vulnerables.

“A emerxencia climática xa está aquí, e os apagóns como o de abril de 2025 son o seu termómetro. O noso sistema sanitario foi deseñado para un clima estable e enerxía abundante. Ese mundo xa non existe. A lei ten que obrigar a prepararse para o que vén”, sinalou un portavoz da Rede.


A Rede demanda tres medidas con rango legal:

  1. Comisión de protocolos ante apagóns, eventos extremos e desabastecemento para deseñar plans vinculantes ante cortes de luz, ondas de calor, incendios e falta de combustible.
  2. Estratexia sanitaria para unha sociedade posfosilística que prepare o sistema ante o declive de recursos, a vulnerabilidade da rede eléctrica e os impactos da emerxencia climática.
  3. Asemblea cidadá por sorteo para elevar propostas de obrigada motivación ao Parlamento e á Xunta.

Segundo os rexistros, o apagón do 28 de abril de 2025 causou sete mortes directas (accidentes, intoxicacións, incendios) e 160 mortes indirectas estimadas (demoras na atención, fallo de equipos electrodependentes, colapso de emerxencias). Ademais, provocou:

  • Interrupción de respiradores, diálise e bombas de infusión.
  • Intoxicacións por monóxido de carbono.
  • Accidentes de tráfico e persoas atrapadas en ascensores.
  • Colapso do 1-1-2 e falta de combustible para ambulancias.
  • Dificultades de acceso ao historial médico electrónico.

A Rede sitúa o apagón nun contexto de crise múltiple: emerxencia climática, guerra de Ucraína e conflito Irán–EE.UU.–Israel coa ameaza do peche prolongado do estreito de Ormuz (20% do petróleo mundial). O mantimento do peche desta vía, advirten, provocará un desabastecemento masivo de combustibles con impacto directo na operatividade sanitaria (ambulancias, cadeas de frío, xeradores hospitalarios).

“Non se trata de alarmar, senón de aprender. O apagón de abril de 2025 é unha oportunidade para lexislar con intelixencia ante a emerxencia climática e a crise enerxética. Agora, non cando volva ocorrer”, concluíu a organización.


As tres propostas xa foron presentadas e debatidas cos grupos parlamentarios do PP, BNG e PSOE na visita da Rede ao Parlamento de Galicia do 28 de maio de 2025, recibindo por parte dos tres unha acollida positiva e o compromiso de seguir traballando na materia.